Antea e Filipa son dúas humildes velliñas que o comparten todo, aínda que a realidade é que apenas teñen nada: comen sopa de auga a diario e, os domingos, un fideo para as dúas, pero son felices porque se queren e gozan da vida en compañía. Un suceso extraordinario faralles vivir unha grande aventura. Charo Pita lémbranos que a idade é un agasallo: está chea de vida e de misterios. Unha cara esculpida polas engurras é coma unha árbore milenaria, o seu tronco groso agroma cada primavera do mesmo xeito que unha persoa anciá con cada amencer. Así son Antea e Filipa, aventureiras do día a día.Velliñas é un relato conmovedor que nos ensina o valor dos afectos, o renacemento na vellez, a ilusión e superación das mulleres maiores que, con ánimo e alegría, son quen de vencer calquera contratempo.A ilustradora, Fátima Alonso, desprega un discurso de marcado carácter narrativo, con imaxes repletas de detalles suxestivos que permiten gozar dunha lectura visual rica e fonda. Un álbum ilustrado con gran sensibilidade, recomendado para todas as idades.
Lesen Sie mehr