Francisco Miguel (A Coruña, 1897- Bértoa, Carballo, 1936) foi unha figura central na arte galega das primeiras décadas do século XX. Detido tras o golpe de xullo de 1936, foi asasinado polos sublevados fascistas, aparecendo o seu corpo o 28 de setembro de 1936 en Bértoa (Carballo).O seu traballo artístico foi realizado entre os anos finais da década dos 10 e o ano do seu asasinato. Nos primeiros anos vinte, ligado ao núcleo coruñés que dará orixe á revista Alfar, desenvolve unha linguaxe afín á modernidade que se espalla polas revistas ultraístas, interesado por captar o ritmo e o dinamismo, de influxo futurista, e polas tendencias formais planimétricas.A partir da 1923, e da súa estadía en París, acentúanse os aspectos decorativos na súa obra e cunha tendencia cara a unha arte ligada á volta á orde, con debuxos de corte clasicista, frecuentemente coa súa esposa, a escritora Syra Alonso, como modelo.Syra e Francisco Miguel vivirán en México entre 1926 e 1933, moi achegados aos intelectuais mexicanos que realizan a revista Contemporáneos. Na obra destes anos vai situarse nos presupostos dunha figuración cun ar maxicista, de empregramos a terminoloxía do famoso libro de Franz Roh Realismo mágico, post expresionismo (1925), elaborando unha pintura ?limpa, clara e rigorosa? -en palabras de Luís Seoane-, con vontade de reter e fixar o expresivo.Esta publicación quere ser unha contribución á recuperación dun pintor demasiado brillante e intelixente -como dixera o seu amigo, o escritor mexicano Rodolfo Usigli- para sobrevivir aos escuros tempos que impuxeron en Galiza as hordas de Atila.
Llegir més